Boas
a todas e todos! Esta semana rematamos o período lectivo polo que decidimos
facer unha valoración final sobre o aprendido nestas últimas semanas. Prometemos
seguir escribindo sobre as cuestións sociais que nos afectan no día a día así que
non nos perdades de vista!
Para
comezar falaremos sobre o blogue como ferramenta auxiliar no proceso de E-A, a continuación explicaremos resumidamente os
contidos que aprendemos e a súa aplicación á didáctica escolar e, por último,
valoraremos globalmente a utilidade das CCSS na Educación Primaria (EP).
Consideramos
o blogue como unha plataforma que empregamos (no noso caso) para plasmar as
conclusións ás que chegamos mediante o traballo dos contidos semanais da
materia, reflexionando sobre o aprendido e así poder ver unha progresión a
longo prazo. Neste caso, sendo sinceros, só tivemos cinco interactivas polo que
a finalidade quedou moi reducida e decidimos abordar tamén problemáticas que
nos incumben como parte da sociedade.
Por
outra parte, como ben sabedes, a materia de coñecemento do medio divídese en
dúas partes que se traballan de forma separada. Se
ben é certo que existe unha diferenciación entre ambas a nivel técnico, tamén é
certo que se interrelacionan entre si e non é posible a percepción dun mundo no
que o natural e o social seguen vías distintas. Isto é perfectamente
demostrable nas repercusións no medio natural das accións humanas, por exemplo.
A verdade é que o tema da didáctica das CCSS en EP quedou reducida a unha interactiva, a cal trataba as futuras solucións posibles, probables e desexables dun determinado problema (sendo este o máis real posible). Consideramos esta parte como unha das máis frouxas da materia e ao mesmo tempo unha das máis importantes para a nosa formación como mestras/es, supoñendo unha descompensación entre os contidos e a didáctica aportada.
Para rematar, é obvio que as cuestións sociais forman parte de nós como persoas e tamén como membros dunha comunidade máis ampla. O feito de tomar consciencia de que non somos os únicos no mundo é o primeiro paso para visualizar o alcance das accións a longo prazo, que afectarán ás xeracións vindeiras. Polo tanto, as CCSS constitúen unha parte fundamental no desenvolvemento de actitudes respectuosas e tolerantes, formándonos como persoas.



