jueves, 5 de mayo de 2016

Visita ao CIAC

Boas a todas/os! 

Hoxe acudimos ao Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) en vistas de coñecer mellor o que nos rodea. A súa premisa fundamental parte da comprensión de Santiago, do seu medio natural e da necesidade da súa preservación cara as novas xeracións. A cidade é diversa e está composta por múltiples elementos que dependen uns dos outros, coa necesidade de relacionarnos coa contorna. 

referencia: http://dus.santiagodecompostela.org/images/CIAC/ciacpres.jpg

Ao chegar accedemos ao recinto e fomos partícipes dun xogo (levado a cabo con nenas/os de EP) que se trataba de construír unha casa partindo dun suposto: vivir nunha vila que se sostén unicamente a partir dos beneficios que xera unha frondosa carballeira. Concluímos que os beneficios da vila se poderían obter da explotación da madeira, o turismo, a enerxía biomasa, o cortizo…  e partindo disto dividímonos en catro grupos no que cada un empregaría diferentes recursos (tesoiras, lapis, folios, maquetas dunha casa, cores…) para fabricar a súa casa. Ademais, contaríamos con diñeiro ficticio para poder pagar os materiais que, dependendo da súa historia de fabricación, custaría a eliminación de varias árbores na nosa vila.

Ao comezar decidimos organizarnos en dous grupos coa finalidade de aforrar materiais e facer a nosa propia casa intentando empregar o menor número de recursos dispoñibles. Durante os 15 minutos dos que dispuxemos traballamos en equipo e mentres uns ían recortando as maquetas outros ían pegándoas e construíndo a casa (con xardín, mesas, bancos, casetas, invernadoiros… ). Ao rematar decatámonos de que aínda que aproveitamos bastante ben os recursos quedaran residuos e non sabiamos que vida darlles. Entre todos os participantes acordamos realizar unha obra social con eles, como por exemplo un local cultural que beneficiase a toda a comunidade.

Despois de tomar consciencia de que o traballo en equipo, a cooperación, o compartir recursos e dialogar cara a solución dun problema sempre é a mellor vía de escape, reflexionamos durante uns minutos sobre a regulación dos recursos e as consecuencias que pode levar un uso inadecuado dos mesmos (deforestación, no noso suposto). A continuación, dividímonos en seis grupos e cada un recorreu unha das estancias do recinto dedicadas a: a auga, a enerxía, o tratamento de residuos, a cidade como intermediaria, a comunicación e os espazos verdes como medio natural. 

 referencia: http://dus.santiagodecompostela.org/images/CIAC/parbelvis.jpg

Cada grupo expuxo os contidos e obxectivos que se poderían traballar co alumnado de EP nunha visita programada ao CIAC. Por exemplo, relacionado coa auga, sería necesario botar unha ollada ao consumo diario/semanal/mensual/anual dunha familia dependendo do lugar de residencia, a concienciación ambiental supón un dos obxectivos que fixamos todos os grupos, así como centrar os esforzos en reducir o consumo innecesario de recursos (tanto renovables como non renovables). No noso grupo en concreto, tratamos o tema da xestión de residuos a través das famosas 3R (Reciclar, Reducir e Reutilizar) e sinxelos trucos que poderían contribuír á preservación do medio ambiente. Por exemplo, plantar unha árbore e decorala por Nadal en vez de tirala unha vez pasadas as vacacións ou empregar outras fabricadas artificialmente. Outro exemplo podería ser crear o noso propio abono para a horta (se é o caso) a partir dos residuos orgánicos que xeramos na casa. 

Por último, agradecer a todos os integrantes do CIAC o seu traballo, esforzo e tempo dedicado para facer desta visita unha experiencia nova e dinámica. 

Esperamos que vos gustase! Un saúdo!


Referencias consultadas

2 comentarios:

  1. Dende o noso grupo pensamos que, para Educación Primaria, a primeira parte da visita resulta moi interesante pese a que a zona de exposición ten demasiada información, non moi visual. O que a faría maís interesante.

    firmado: http://aoteuredor.blogspot.es/

    ResponderEliminar
  2. Os compoñentes de "diariodesociais.blogspot.com.es", estamos de acordo en que o CIAC é moi recomendable para realizar un traballo de concienciación e formación ao alumnado de primaria, en canto temas coma 3R, sostenibilidade, sustentablidade...
    Pensamos que todo isto se pode ver reflectido tamén a nivel de centro escolar si existe a posibilidade de desenvolver unha horta escolar.

    Un saúdo
    diariodesociais.blogspot.com.es

    ResponderEliminar